... para non quedármonos coa palabra na boca, convidámolles a participar na normalización da nosa lingua.

7 may 2018

"Os cachorros" de María Victoria Moreno

Buscando o vínculo emocional entre a obra e figura de María Victoria Moreno e o noso alumnado de educación infantil, na EEI Milladoiro, demos en facer unha exposición sobre os seus "Cachorros", a súa querencia polos canciños, protagonistas de moitas das súas obras e dirixíndonos tamén á súa faceta profesional preferida, a de docente, na que chamaba agarimosamente "cachorros" aos seus alumnos e alumnas.
Con tal motivo, escolmamos:
-datos biográficos, fotografías, retratos e retrincos da súa vida,
-fragmentos e ilustracións das súas obras nas que aparecen os "cachorros",
-textos ou citas nas que fala da súa labor como profesora, a súa maneira de entender o ensino e de relacionarse sen distancias cos "cachorros", os mozos e mozas que asistían ás súas clases.
A achega do noso alumnado, tras explicarlle a razón de ser desta exposición, é a dos seus "cachorros" predilectos: reais, de peluche, xoguetes ou debuxados.
Ao igual ca María Victoria Moreno, pensamos que quen non trata ben aos canciños non pode ser unha boa persoa, porén dedicamos tempo a coñecer as características, coidados e atencións que requiren, e de como eles teñen sentimentos, sofren a anguria de verse perdidos ou de como devecen por un "anaquiño de bica".
Na etapa infantil temos a sorte de que calquera iniciativa que se adopte case garante a participación e implicación das familias, así sempre aproveitamos para facer esa labor de proxección exterior das actividades escolares, logrando que traspasen o ámbito da escola. Así, os días 8 e 15 de maio faranse sesións de portas abertas para que todas as familias poidan visitar a exposición.
Dos días 15 ao 20, trasladarase á Casa de Cultura do Milladoiro, na que terán lugar os actos das Letras Galegas, podendo así ser admirada pola veciñanza e visitantes.



















No hay comentarios:

Publicar un comentario