... para non quedármonos coa palabra na boca, convidámolles a participar na normalización da nosa lingua.

20 may. 2019

2019 Ano de Antonio Fraguas Fraguas



Canto á lingua e cultura galega a EEI Milladoiro ten tres empeños prioritarios:
  • que sexa coñecida, empregada e apreciada polo alumnado,
  • que os nenos e nenas sexan a correa de transmisión desta riqueza ás súas familias xa que logo un gran número delas son procedentes doutros lugares.
  • que a escola sexa un foco de dinamización cultural irradiando de cara a veciñanza a través das iniciativas que nela se desenvolven.
A posta en valor do noso axuda ao seu coñecemento e salvagarda.
Con todo non queremos que isto sexa unha volta ao pasado: as tradicións, o patrimonio e a cultura teñen que ser vistas desde claves actuais, do contrario estaríamos estigmatizando o noso elemento definitorio como pobo cunha idea de atraso –precisamente con esa que se adoita empregar como argumento para rexeitala.
Queremos saber dos usos contemporáneos da lingua, das tradicións orais, do patrimonio material e inmaterial, que seguramente xa non serán os mesmos ca na súa orixe, pero non por ilo perden a súa utilidade nin deber ser vistos só en museos etnográficos.
Que a cultura galega teña cabida na modernidade dialogando con outras tradicións e outras linguas é unha das tarefas a desenvolver nos centros de ensino. E así traballamos nesta escola facendo nosas as verbas de Koichiro Matsuura, Director Xeral da UNESCO:
“O patrimonio inmaterial non é tan só a sé da memoria da cultura de onte, senón tamén o laboratorio no que se inventa o mañá.”
A elección de Antonio Fraguas Fraguas como autor homenaxeado pola RAG para as Letras Galegas 2019 veu a darnos pé a cumprir con estas nosas arelas.
“Antonio el de la aldea”, recuperador da cultura postergada, folclorista, historiador e investigador do noso, traballou arreo para que o patrimonio galego fose coñecido e valorado, el non podería imaxinar que poucas décadas despois se inverterían as tornas: agora valórase pero non se coñece.
Calquera que lle ensine a un pequeno/a imaxes do patrimonio escoitará cousas como que é “la casa de las gallinas” (hórreo), “la casa de los enanitos” (palloza), “una piscina” (un lavadoiro), “a donde va Dora la exploradora” (faro) ou “El pozo de los deseos de las princesas” (pozo artesán). Véxase que non obviamos que se se expresan en castelán.
Nenas e nenos saben de mundos lonxanos, dos virtuais, dos galácticos e mesmo dos astrais pero non saben do que hai na súa contorna, do que nos fai diferentes dos doutros lugares.
Así, dende comezo de curso iniciamos un eixo transversal que percorre todas as accións desenvolvidas e vén a darlle continuidade a outras realizadas en cursos pasados. De seguido as relataremos moi brevemente pois algunhas delas xa están recollidas neste espazo web.
1º Todos os cursos realizamos a cartelería do centro con imaxes en base a un tema; como non podía ser doutro xeito, nesta ocasión decidimos empregar elementos da arquitectura popular: hórreos, pallozas, lavadoiros, faros, pombais… acompañan os nomes dos espazos e das persoas responsables deles. Esta “exposición” permanece todo o ano á vista de alumnado, profesorado e familias que nos visitan, espertando a curiosidade ou dando pé a traballos didácticos arredor deles.

2º De entre as celebracións que se fan no centro, préstase especial atención ás relacionadas coa nosa cultura: o Magosto, a próxima feira cabalar de San Martiño en Francos, o Entroido ou os Maios, tratando de vincular aos pequenos coa cultura de noso.

3º Neste concello a celebración do Día de Rosalía é algo no que participamos todos os centros educativos tratando de traspasar á veciñanza o noso amor pola obra da poetisa galega máis universal. Poemas que se penduran nas portas das vivendas do alumnado ou outros escritos sobre lousas de pizarra e distribuídos pola vila, contribúen ao aprecio pola súa obra.





A distribución das lousas-poema pola vila levounos a elaborar unha suxestión de  roteiro poético para que as familias puideran visitalas todas na compaña dos seus fillos/as.









Ambas dúas intervencións configuraron o vídeo que proxectamos no acto poético musical celebrado na Casa de Cultura de Bertamiráns o mesmo día 24 de febreiro.

O alumnado do IES Milladoiro tirou proveito desta iniciativa, facilitándolle o mapa da ubicación das lousas para que as visitasen e identificaran de que obras se entresacaran eses versos. Unha colaboración inesperada promovida pola coordinadora do EDNL, Valentina Formoso. Como colofón, estas mozas e mozos, en agradecemento aos pequenos viñeron facer unha sesión de contacontos e tamén a amosarlle as fotografías que tomaran das súas lousas poema.

A webs dos centros e do concello, así como a radio local deron boa conta do noso traballo.

4º No mes das Letras Galegas, a máis do que se fai no centro arredor da figura do/a homenaxeado/a (nas aulas e no conxunto da escola), tamén participamos nunha proposta do Departamento de Normalización do concello.
aa) Como iniciativa de centro, sempre organizamos unha exposición que axude ao coñecemento da figura e obra do homenaxeado. Dados os campos de traballo de Antonio Fraguas, era asunto doado; o que non tanto era evitar caer nun folclorismo rancio. Queríamos que alumnado e familias souberan dalgúns elementos signos de identidade da nosa terra, presentes aínda pero con novos usos. Non podemos pretender que volvan aos muíños a moer ou aos lavadoiros a lavar, pero si que aproveiten os seus paseos en familia para facer estas descubertas.
Previo ás vacacións de Semana Santa, enviamos un comunicado ás familias, instándoas a que nas súas saídas de lecer lle amosaran aos seus fillos e fillas faros, hórreos, cruceiros, fontes, etc. Tamén pedimos que lle tomasen fotografías cos nenos e nolas enviasen por correo electrónico xunto coa denominación e localización.
Foi moi satisfactorio ver como ían chegando fotografías dende distintos lugares da nosa xeografía sobre as que as nenas e nenos sabían dar conta delas.
Folletos da riqueza dos bosques, das rutas, dos faros ou das camelias veñen a complementar a exposición, xunto con un cento de imaxes do patrimonio BIC (Ben de Interese Cultural) do concello de Ames recollidas na publicación Ames in terra amaae á que dende aquí se pode acceder en formato pdf. Pois é tamén empeño noso que o alumnado (e familias) coñezan empezando polo que teñen máis preto.




Complétase a exposición coa información remitida pola Secretaría de Política Lingüística sobre Antonio Fraguas.
Un hórreo feito con material de refugallo, un maio vexetal e unha exposición de faros, son proxectos de aula que tamén se mostran na exposición.




Como a nosa intención sempre é traspasar os muros da escola irradiando cultura e saber de cara á comunidade local, organizáronse xornadas de portas abertas ao público en xeral para que puideran visitala. Neste caso ben sabemos do "tirón" que teñen os cativos.

b) Trala nosa intervención poética no mes de febreiro por mor da celebración rosaliana (as lousas poema) que tamén levara a cabo o CEIP Maía, e sendo do gusto dos demais centros, o Departamento municipal instounos a facelo desde todas as escolas do concello. A acción levaría por nome "Camiños de versos", tratando de que en certas áreas como son os Paseos Fluviais de Bertamiráns ou Tapia e a carón do Camiño Portugués no Milladoiro, deixáramos de novo lousas-poema, centradas nesta ocasión na defensa da lingua ou do patrimonio natural. Así camiñantes e paseantes poderán deleitarse coa lectura dalgúns versos emblemáticos na nosa lingua.





Que a EEI Milladoiro sexa unha escola de pequechos non é óbice para que non fagamos unha labor de altura pola nosa lingua e pola nosa cultura, implicando e irradiando cara toda a comunidade.