Con motivo da celebración das Letras Galegas, este ano adicadas a Begoña Caamaño, na escola quixemos render unha pequena homenaxe á forza das palabras, da memoria compartida e da cultura galega a través dun mural colectivo titulado “Os fíos da EEI Milladoiro”.
Como
nas historias de Begoña Caamaño, os fíos invisibles da memoria, das palabras e
dos afectos van tecendo vidas que se atopan e se recoñecen. Neste mural, cada
rostro é unha páxina viva, cada fotografía un anaco da nosa historia compartida.
Entre as imaxes discorren os fíos que nos
unen: a convivencia, o coidado, a aprendizaxe e, sobre todo, a lingua e a
cultura galega, esa tea fonda que nos sostén e nos dá nome. Son os fíos das
letras galegas, das voces herdadas e das palabras que continúan facendo
comunidade.
Porque a lingua é casa, é encontro e é
memoria. E a cultura que compartimos é o tear no que se enlazan as nosas
diferenzas para formar algo común e fermoso.
Cada foto conta unha historia. Cada fío garda un vínculo. E entre todas e todos, coa forza da palabra e da cultura galega, tecemos a escola que somos.


No hay comentarios:
Publicar un comentario