... para non quedármonos coa palabra na boca, convidámolles a participar na normalización da nosa lingua.

14 may 2026

ROMARÍA DAS LETRAS 2026

A nosa escola volveu encherse de música, xogos e tradición coa celebración da Romaría das Letras, unha xornada moi especial para compartir e festexar a nosa lingua e cultura. Ao longo da mañá gozamos de diferentes obradoiros e xogos: fixemos marcapáxinas, chapas e títeres valentes, ademais de participar en actividades tan divertidas como as carreiras de sacos, o micro estragado ou os xogos de mímica.

Foi un día para compartir, rir e seguir mantendo vivas as nosas tradicións entre grandes e pequenos. Grazas a todas as familias pola vosa colaboración e por acompañarnos unha vez máis nesta festa tan especial.

Aquí vos deixamos un vídeo con algúns dos mellores momentos da Romaría das Letras para que poidades revivir connosco esta fermosa xornada.

12 may 2026

MURAL LETRAS GALEGAS 2026

Con motivo da celebración das Letras Galegas, este ano adicadas a Begoña Caamaño, na escola quixemos render unha pequena homenaxe á forza das palabras, da memoria compartida e da cultura galega a través dun mural colectivo titulado “Os fíos da EEI Milladoiro”.

Como nas historias de Begoña Caamaño, os fíos invisibles da memoria, das palabras e dos afectos van tecendo vidas que se atopan e se recoñecen. Neste mural, cada rostro é unha páxina viva, cada fotografía un anaco da nosa historia compartida.

Entre as imaxes discorren os fíos que nos unen: a convivencia, o coidado, a aprendizaxe e, sobre todo, a lingua e a cultura galega, esa tea fonda que nos sostén e nos dá nome. Son os fíos das letras galegas, das voces herdadas e das palabras que continúan facendo comunidade.

Porque a lingua é casa, é encontro e é memoria. E a cultura que compartimos é o tear no que se enlazan as nosas diferenzas para formar algo común e fermoso.

Cada foto conta unha historia. Cada fío garda un vínculo. E entre todas e todos, coa forza da palabra e da cultura galega, tecemos a escola que somos.


ACTUACIÓN C´ORQUESTRA PANTASMA

Dentro do programa do Modo Galego,  venres pasado tivemos a sorte de contar coa actuación da C´orquestra pantasma na escola, unha actuación que nos fixo bailar e cantar moito, como desfrutamos!



4 may 2026

LETRAS GALEGAS. BEGOÑA CAAMAÑO!

Coa semana previa ás letras galegas, preparamos o podcast Contos nas Ondas como homenaxe a Begoña Caamaño. Por un día creamos Radio Miudiña na escola EEI do Milladoiro para transmitir a historia da homenaxeada deste ano nunha das súas facetas como locutora. Agardamos gocedes do programa.