... para non quedármonos coa palabra na boca, convidámolles a participar na normalización da nosa lingua.

19 oct 2026

O BUZÓN DE BALBINO VOLVE TER CARTA!

Este curso seguimos achegándonos ao universo de Xosé Neira Vilas a través do noso proxecto “A aldea de Balbino”.

Despois de coñecer a Balbino e descubrir algunhas das palabras e elementos do seu mundo, chegou ao seu buzón unha nova carta cunha sorpresa moi especial.

Nesta ocasión, Balbino quere presentarnos a un novo amigo: o protagonista da obra Espantallo amigo, tamén de Xosé Neira Vilas.

Dentro do sobre deixou varias pistas para que os nenos e nenas poidan descubrir de quen se trata: un anaquiño de tea, un pouco de palla, unha imaxe do campo e unha espiga de millo.

Ademais, a través dun código QR, o alumnado poderá escoitar un pequeno audio da adaptación que fixemos as mestras para coñecer a historia de Espantallo amigo.


🌿 ABRIMOS AS PORTAS AO MUNDO DE BALBINO

Este curso iniciamos unha nova aventura na nosa escola arredor da figura e da obra de Xosé Neira Vilas, achegando ao noso alumnado á lingua, á literatura, ás tradicións e á cultura galega dun xeito próximo, lúdico e vivencial.

🚪 UNHA PORTA, UNHA PALABRA

As portas da escola comezan a transformarse para achegarnos ao mundo de Balbino, protagonista de Memorias dun neno labrego. En cada unha delas iremos descubrindo palabras, ilustracións e elementos relacionados coa vida no rural, coa nosa cultura e co universo literario de Neira Vilas.

Deste xeito, os corredores converteranse pouco a pouco nun espazo cheo de vocabulario, lembranzas, tradicións e pequenas historias que nos permitirán coñecer e valorar o noso patrimonio cultural.

📮 O BUZÓN DE BALBINO

Como gran novidade deste curso, nas 12 aulas do centro instalamos un “Buzón de Balbino”, que será o fío condutor do proxecto.

Ao longo dos meses, Balbino irá facendo chegar ás nenas e aos nenos cartas, mensaxes, pistas, retos, pequenas misións e sorpresas.

Cada nova carta será unha oportunidade para descubrir unha historia, unha tradición, unha palabra ou algún dos personaxes e obras máis significativas de Xosé Neira Vilas.

📚 UNHA HISTORIA QUE NOS ACOMPAÑARÁ TODO O CURSO

Durante o ano iremos coñecendo diferentes obras e elementos do universo de Neira Vilas a través de propostas adaptadas á etapa de Infantil.

Espantallo amigo, O cabaliño de buxo, De cando o Suso foi carteiro ou Memorias dun neno labrego irán entrando pouco a pouco nas aulas a través de contos, xogos, creacións artísticas, tradicións, cartas e experiencias compartidas.

O noso obxectivo é que, ao rematar o curso, as nenas e os nenos non só recoñezan a figura de Xosé Neira Vilas, senón que leven consigo un anaquiño das súas historias e, sobre todo, un maior cariño pola lingua, a cultura e as tradicións galegas.

💚 E isto non fixo máis que comezar…





14 may 2026

ROMARÍA DAS LETRAS 2026

A nosa escola volveu encherse de música, xogos e tradición coa celebración da Romaría das Letras, unha xornada moi especial para compartir e festexar a nosa lingua e cultura. Ao longo da mañá gozamos de diferentes obradoiros e xogos: fixemos marcapáxinas, chapas e títeres valentes, ademais de participar en actividades tan divertidas como as carreiras de sacos, o micro estragado ou os xogos de mímica.

Foi un día para compartir, rir e seguir mantendo vivas as nosas tradicións entre grandes e pequenos. Grazas a todas as familias pola vosa colaboración e por acompañarnos unha vez máis nesta festa tan especial.

Aquí vos deixamos un vídeo con algúns dos mellores momentos da Romaría das Letras para que poidades revivir connosco esta fermosa xornada.

12 may 2026

MURAL LETRAS GALEGAS 2026

Con motivo da celebración das Letras Galegas, este ano adicadas a Begoña Caamaño, na escola quixemos render unha pequena homenaxe á forza das palabras, da memoria compartida e da cultura galega a través dun mural colectivo titulado “Os fíos da EEI Milladoiro”.

Como nas historias de Begoña Caamaño, os fíos invisibles da memoria, das palabras e dos afectos van tecendo vidas que se atopan e se recoñecen. Neste mural, cada rostro é unha páxina viva, cada fotografía un anaco da nosa historia compartida.

Entre as imaxes discorren os fíos que nos unen: a convivencia, o coidado, a aprendizaxe e, sobre todo, a lingua e a cultura galega, esa tea fonda que nos sostén e nos dá nome. Son os fíos das letras galegas, das voces herdadas e das palabras que continúan facendo comunidade.

Porque a lingua é casa, é encontro e é memoria. E a cultura que compartimos é o tear no que se enlazan as nosas diferenzas para formar algo común e fermoso.

Cada foto conta unha historia. Cada fío garda un vínculo. E entre todas e todos, coa forza da palabra e da cultura galega, tecemos a escola que somos.


ACTUACIÓN C´ORQUESTRA PANTASMA

Dentro do programa do Modo Galego,  venres pasado tivemos a sorte de contar coa actuación da C´orquestra pantasma na escola, unha actuación que nos fixo bailar e cantar moito, como desfrutamos!



4 may 2026

LETRAS GALEGAS. BEGOÑA CAAMAÑO!

Coa semana previa ás letras galegas, preparamos o podcast Contos nas Ondas como homenaxe a Begoña Caamaño. Por un día creamos Radio Miudiña na escola EEI do Milladoiro para transmitir a historia da homenaxeada deste ano nunha das súas facetas como locutora. Agardamos gocedes do programa.

23 feb 2026

DÍA DE ROSALÍA: Rosalía no mundo!

Un ano máis sumámonos á celebración do Día de Rosalía de Castro para render homenaxe á nosa poeta máis universal.

Este curso quixemos poñer o foco na dimensión internacional da súa obra, dándolle por título “Rosalía no mundo”. A través deste traballo descubrimos como a súa voz traspasou fronteiras e chegou a distintos países, converténdose nun símbolo da cultura galega máis alá da nosa terra.

A partir desta idea realizamos un vídeo que recolle eses lugares aos que chegou a súa palabra. O vídeo vai ser presentado na gala organizada polo Concello de Ames este luns 23 de febreiro.

A continuación deixamos o vídeo realizado e unha imaxe do mural que temos exposto no corredor do centro:Final del formulario