... para non quedármonos coa palabra na boca, convidámolles a participar na normalización da nosa lingua.

26 feb 2019

"Rosalía na terriña"

Un ano máis celebramos polo alto o día do nacemento de Rosalía de Castro.
Na EEI Milladoiro desenvolvéronse 2 accións.


1ª “Rosalía tamén vive aquí”. Ao igual que o pasado ano, os nenos/as levaron un cartel cun poema para expor no portal da súa vivenda e que así toda a comunidade poida gozar coa súa lectura. Pídese a colaboración das comunidades de veciños nas que teñen prohibido fixar carteis, facendo unha excepción por non tratarse de publicidade.







2ª “Rosalía na terriña”, coa intención de converter O Miladoiro nunha vila poética, cada unha das unidades da escola deixará unha laxa de pizarra cun poema en distintas localizacións do pobo, para que así veciños/as e paseantes poidan deleitarse coa súa lectura.












A situación delas é a que se indica neste mapa que achegamos para que poidades facer un “roteiro poético” en familia, do que tamén poderedes enviarnos fotografías.




Ambas accións serán presentadas nun vídeo que se proxectará o mesmo día 24 nun acto poético musical que terá lugar na Casa de Cultura de Bertamiráns ás 18:00 ao que estamos todos convidados.


Ilustracións de Rosalía, os carteis orixinais e mailas fotografías das laxas, xunto cuns debuxos da autora realizados polo alumnado da aula 7, configuraban esta exposición aberta a toda a comunidade.










Todo isto tivo difusión tanto a través de Radio Ames -dende aquí pódese acceder á reportaxe realizada na escola- coma dende a web e redes sociais do concello.
E así o presentamos o día 24 na Casa de Cultura de Bertamiráns.




16 oct 2018

Premio Primavera das Letras 2018

Coa exposición "Os cachorros de Mª Victoria Moreno" a EEI Milladoiro gañou un dos tres premios da Real Academia Galega da Lingua, convocados ao abeiro da autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018.
Hoxe, 16 de outubro fomos a recollelo. En representación do centro dous grupos de alumnado e as súas titoras, Cristina Barros e Laura León, acompañadas pola directora do centro, Ángeles Ferrón, a coordinadora do EDNL, Ánxeles Abelleira, a coidadora, Begoña e Andrea unha mestra en prácticas escolares.
Foi un acto ben emotivo, presentado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, conducido pola académica Fina Casalderrey, no que tamén contaban coa presenza do viúvo de Mª Victoria Moreno, Pedro Ferriol, e representantes das editoras galegas que doaron os fondos bibliográficos que constitúen o premio.
Un orgullo para nós e para os nosos pequenos que xunto cos outros dous centros premiados o CPI Virxe de Cela e o CEP Anxo da Garda, presentamos unha escolma e mostra do traballo realizado.
Moitas grazas a RAG.
Por mil primaveiras máis.