O proxecto Modo galego, actívao! contemplou dende o principio facer unha experiencia de inmersión ao estilo dos 21 días co galego. A Real Academia Galega, o Concello de Ames e os centros educativos de educación infantil e primaria decidimos facer colaborativamente unha versión adaptada na que todas as escolas do concello puidesen participar.
O elemento central da experiencia consiste en establecer o compromiso entre o alumnado, o profesorado, o monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos de empregar o galego durante tres semanas.
Como no programa de referencia, a experiencia artellarase mediante un blog que orientará diariamente o seu funcionamento. Cada entrada tratará dun asunto particular e poderá incluír distintos materiais e propostas. As e os titores, participando, adquiren o compromiso de revisar o blog todos os días co alumnado.
Na nosa escola, estamos a traballar unha palabra relacionada con un campo semántico que cada día nos indica o blog, modogalego.academia.gal e outras propostas que nos están a activar o modo galego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario