... para non quedármonos coa palabra na boca, convidámolles a participar na normalización da nosa lingua.

29 oct 2026

🍂 O TRASNO DO OUTONO ENCHE A NOSA ESCOLA DE MAXIA E SABORES!

TAN, TAN! QUEN É? O OUTONO OUTRA VEZ!

Esta semana, a nosa escola recibiu unha visita moi especial… O Trasno do Outono! 🍁

Un personaxe misterioso e un pouco pillabán que, sen deixarse ver, sorprendeu os nenos e nenas de Educación Infantil cunha proposta chea de maxia, curiosidade e sabores de outono.

Cada mañá, o son dunha campá anunciaba a súa chegada e un pequeno rastro de follas conducía ata unha cesta misteriosa que aparecía na porta de cada aula.

E que traia o noso trasno?

O mércores: mazás, peras e mandarinas.

O xoves: uvas, caquis e granadas.

O venres: castañas, kiwis e laranxas.

Cada cesta viña acompañada dunha divertida rima en galego coa que o trasno presentaba as froitas do día.

Ao longo desta experiencia, os pequenos e pequenas tiveron a oportunidade de descubrir os froitos do outono a través dos sentidos, explorando as súas cores, formas, aromas, texturas e sabores.

As diferentes aulas puideron experimentar, clasificar, contar, realizar actividades creativas e, por suposto, degustar algunhas destas deliciosas froitas.

🍁 APRENDER, XOGAR E DESCUBRIR!

A través desta iniciativa quixemos achegar o alumnado aos produtos propios do outono, fomentar hábitos de alimentación saudable e seguir promovendo o uso da lingua galega dunha maneira lúdica, próxima e motivadora.

Grazas TRASNO DO OUTONO, ata a próxima!


No hay comentarios:

Publicar un comentario